O Concello de Gondomar ten sen pagar as subvencións do ano 2009. Mediado o 2010 os Centros Culturais, Asociacións, Entidades deportivas e ANPAS seguen sen recibir as cantidades correspondentes ó pasado ano. Todas as xestións realizadas polas directivas dos diferentes colectivos só reciben unha e outra vez a promesa de que se lle van facer efectivas en cuestión de días, e estes seguen pasando sen que se faga o pago das mesmas.
Dende o PSOE queremos denunciar esta situación pola urxencia que teñen estas entidades sen afán de lucro de facer fronte ós pagos das actividades que realizan de forma permanente durante o ano, con débedas comprometidos que non poden satisfacer ó non recibir as cantidades prometidas polo Concello. Todo isto sen ter en conta que, segundo informacións non desmentidas polo goberno municipal, as cantidades solicitadas poden reducirse de forma moi significativa, o que vai implicar un endebedamento importante para as distintas asociacións que contaban con ese diñeiro para realizar pagos pendentes.
Esta situación contrasta coa alegría con que se asignan graciablemente salarios a determinados concelleiros polo simple mérito de romper gobernos e de impulsar novas maiorías que non saíron das eleccións e da vontade popular. Non se trata de limosnas que xentilmente outorga o goberno do PP-tránsfugas, senon de partidas económicas previstas para tal fin e con reflexo nos orzamentos que tan apresuradamente elaborou, presentou e aprobou o goberno local. Todas elas teñen a súa súa consignación económica polo que cartos debe e ten que haber. De non ser así, dende o PSOE esiximos e esixiremos as responsabilidades que correspondan pola ineficaz xestión económica dun goberno, que debe estar para gobernar con dilixencia, e non soamente para cobrar as adicacións que se adxudicaron.
O PSOE de Gondomar pide ó goberno municipal que faga con urxencia o aboamento das subvencións do ano 2009 e dos convenios coas ANPAS e demais entidades, así como que non rebaixe as subvencións para o ano 2010 máis alá da porcentaxe de rebaixa xeral que corresponda pola situación económica que estamos a vivir.









