Archivo de la categoría: Lingua

Día grande para o Galego, en vísperas do Día das Letras Galegas. Día triste para Feijoo e os seus amigos de Galicia Bilingüe

O PSdeG reclama a retirada do Decreto do Plurilingüismo logo de que o Consultivo confirmase a súa anticonstitucionalidade.

O portavoz de Educación do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Guillermo Meijón, reclamou hoxe a retirada do decreto do plurilingüismo logo de que o Consello Consultivo teña sinalado a súa anticonstitucionalidade. Meijón dixo que, do contrario, os socialistas tomarán medidas legais para restaurar a legalidade e reclamou a Feijóo “non confundir maioría absoluta con poder absoluto”.
O parlamentario socialista advertiu que de seguir adiante con este decreto a Xunta provocará “un comezo de curso caótico e conflitivo”. Dixo que, de acordo co informe do Consultivo, o decreto resulta  contrario a todo o ordenamento xurídico vixente, xa que vai contra a Constitución, a Lei Orgánica de Educación, o Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística e a Carta Europea de Linguas Rexionais.
De acordo co Consello Consultivo, explicou, a Xunta non pode eludir as súas responsabilidades na defensa do dereito básico á educación, que resulta “indispoñible, irrenunciable e indelegable”. Sinala que “invalida o procedemento establecido polo texto do goberno para determinar a linguaxe vehicular en Educación Infantil”, polo que a elección vehicular “non pode quedar vinculada a unha consulta a pais e nais”, como mesmamente lle ten recordado a Federación de Pais e Nais de Alumnos –Confapa-.
Meijón acusou á Xunta de xerar a “paradoxa” de “quén vai defender a legalidade vixente, un goberno que impón un texto ilegal ou a comunidade educativa que ben podería negarse a aplicar a devandita norma por ilegal”. Anunciou así a presentación dunha moción no Pleno do Parlamento para a “inmediata retirada” do texto e a creación dun marco parlamentario de consenso para aprobar unha nova redacción do decreto.
Neste sentido, adiantou que “si o goberno non defende a legalidade, tomaremos tódalas medidas á nosa disposición para restaurar a legalidade”, e preguntou á Xunta “qué educación e qué valores democráticos queren transmitir aos nosos fillos e fillas cando pretenden aprobar unha norma ilegal”.
Meijón considera que o conselleiro de Educación está “invalidado como conselleiro” logo de que no Pleno desta semana eludira explicar si aprobaría o decreto no caso de ir contra a Lei. No mesmo sentido, lembrou que o portavoz do PP, quen dixo o luns que “é máis importante cumprir os compromisos electorais que a legalidade”, o que “evidencia que coñecía da ilegalidade do decreto e que ten que renunciar ao escano”.