O PSdeG-PSOE fai un chamamento á “rebelión colectiva” contra a violencia de xénero e lembra que é un problema de toda a sociedade Insta a toda a cidadanía a denunciar xa que “se ante unha agresión volvemos a cabeza e calamos, estamos a colaborar na creación de espacios de impunidade para os agresores”
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2010.-
A secretaria de Igualdade do PSdeG, Laura Seara, fixo hoxe un chamamento á “rebelión colectiva da cidadanía” contra a violencia de xénero, poñendo “entre todos o máis enérxico empeño en romper esta dinámica criminal e en protexer ás vítimas”.
No Día Internacional contra a Violencia de Xénero, Seara lembrou que, no que vai de ano, 64 mulleres foron asasinadas pola violencia machista, dúas delas en Galicia; polo que “máis que nunca é necesaria a complicidade de todos os homes e mulleres para loitar contra esta violencia”.
Por elo, incidiu en que “o problema é de todos e todas, non só das vítimas, sendo tamén de toda a sociedade o deber de denunciar”.
“Se ante unha agresión volvemos a cabeza e calamos, estamos a colaborar na creación de espacios de impunidade para os agresores e incrementando o sufrimento das vítimas e dos seus fillos e fillas”, apuntou a socialista, á vez que destacou que a denuncia “é a única porta para poñer en marcha todo o sistema para a súa protección”.
Neste punto, denunciou a “vergoñenta” campaña emprendida por algúns sectores “que pretende instalar a falsa idea de que moitas das denuncias de maltrato son inventadas, cando os datos demostran todo o contrario”.
Seara lamentou que a maior parte das mulleres asasinadas este ano non presentara denuncia. “O silencio é o mellor cómplice dos maltratadores e asasinos”, sentenciou Seara, quen fixo un chamamento á conciencia dos cidadáns “para mobilizarnos e lograr que os maltratadores non atopen ningún resquicio de impunidade nos seus actos”.
Protección aos menores
A secretaria de Igualdade do PSdeG apuntou que “catro nenos e nenas foron asasinados por violencia machista este ano en España, e calcúlase que 800.000 nenos e nenas a sofren no seu entorno”. Subliñou por tanto a necesidade dunha especial protección para estes menores “que padecen secuelas que poden durarlles toda a vida”.
Seara salientou a importancia das medidas adoptadas polo Goberno de Zapatero, como a Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero “que non só protexe ás mulleres, senón tamén ás vítimas infantís da violencia de xénero”, ademais de promover un orzamento específico para a prevención e protección das vítimas infantís e elaborar un protocolo de actuación para as comunidades autónomas, que agora estas deben poñer en marcha “de xeito urxente”.







