A EXECUTIVA LOCAL DO PSdeG-PSOE DE GONDOMAR, ao amparo do disposto na Lei 7/1985 de Bases de Réximen Local, no Real Decreto 2568/1986 polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réximen Xúridico das Entidades Locais, e na Lei 30/1992 de Réximen Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, baixo a protección xurídica da Constitución Española, presenta AO PLENO DO CONCELLO DE GONDOMAR a seguinte
I N I C I A T I V A
A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, anunciou publicamente que, para financiar a posta en funcionamento do novo Hospital de Vigo, utilizarase o modelo concesional coa fórmula de pago por dispoñibilidade.
As concesións de obra para construír hospitais consisten en que unha empresa ou grupo de empresas privadas, principalmente construtoras, ás que tamén se unen os bancos e empresas de servizos, son as que levan a cabo a construción das novas infraestruturas sanitarias por encargo do Sistema Público de Saúde.
O custo da construción e do equipamento dos novos hospitais sufrágase desembolsando ás empresas construtoras unha cantidade ou canon. Se multiplicamos esa cantidade anual que pagará o SERGAS polos anos de duración da concesión (20 no proxecto de Hospital que se propón para Vigo), o resultado superará varias veces o valor de licitación das obras e os equipamentos dos novos hospitais (nalgúns casos chegou a ser ata catro veces superior: cos fondos empregados o SERGAS podería pagar catro hospitais das mesmas características).
Esta forma de colaboración pública-privada implica desembolsos económicos moi superiores para o noso sistema sanitario que os modelos exclusivamente públicos como os empregados ata agora no resto de Galicia. Isto é debido ao seguinte:
1 – As empresas adxudicatarias acoden a importantes endebedamentos. Os intereses que han pagar estas empresas a Bancos e Caixas son moi superiores aos que pagaría a Administración Pública. As empresas imputan este custo ao canon, o que supón un custo moito máis caro que o que suporía unha operación crediticia realizada pola propia Xunta, a través de mecanismos xa establecidos como é a Sociedade Pública de Investimentos.
2 – As empresas teñen como lexítimo obxectivo conseguir a maior rendabilidade posible tanto para os seus directivos como para os seus accionistas, sendo o SERGAS quen acaba garantindo eses beneficios con cargos aos seus fondos.
3 – Os custos das renegociacións dos novos contratos, no caso de creba económica dalgunha das empresas concesionarias. Deste fenómeno o Reino Unido ten numerosos exemplos (ata 14) e tamén se observou no hospital de Alzira en Valencia.
Outros inconvenientes deste modelo son a hipoteca da capacidade de investimento e a redución dos orzamentos sanitarios dos Servizos de Saúde durante décadas, a limitación da capacidade dos hospitais para adaptarse ás melloras e innovacións tecnolóxicas, o empeoramento da calidade asistencial e a seguridade dos doentes así coma o empeoramento das condicións laborais dos traballadores
Por todo o anterior, rexeitamos radicalmente os argumentos esgrimidos en defensa de modelo algún de colaboración pública-privada como a axilidade nos prazos de posta en funcionamento dos novos hospitais ou problemas orzamentarios que ademais de ser falsos, non demostran nada máis que a propia ineficiencia dos actuais responsables da Xunta de Galicia e a pouca confianza que teñen en se mesmos.
Por todo iso, o A Agrupación Socialista propón ao Pleno a adopción dos seguintes ACORDOS:
- Instar á Xunta de Galicia a manter os Plans Funcionais e os Proxectos Arquitectónicos do novo Complexo Hospitalario de Vigo existente antes dás eleccións autonómicas do 1 de Marzo de 2009, que foron elaborados coa colaboración e participación activa de todos os profesionais sanitarios dos Complexos Hospitalarios, cas dotacións de camas, equipamentos tecnolóxicos e servizos de referencia.
- Instar á Xunta de Galicia a existencia dunha porta única para todas as urxencias que garanta a mesma calidade asistencial a todas as persoas e que acabe coa desigualdade que soportan actualmente na Área de Vigo os cidadáns de Coia, Val Miñor, Cangas e Moaña.
- Instar á Xunta de Galicia que o financiamento destes novos Complexos Hospitalarios sexa con capital público e con todos os seus servizos tamén con xestión totalmente pública, a través da Sociedade Pública de Investimentos, e non de financiamento privado.
- Instar á Xunta de Galicia que rexeite rotunda e definitivamente a inclusión da participación privada no financiamento dos novos hospitais.
Gondomar, a 18 de Marzo de 2010.
O Secretario Xeral do PSdeG-PSOE de Gondomar.
Juan Francisco Ferreira González.